Sorprendeume o Deportivo onte na primeira parte, pola intensidade, polo esforzo e pola agresividade. Nunca tal nada vira neste equipo, aínda que non serviu de moito. Está ben iso de marcar o territorio, pero isto consiste en meter o balón dentro da portería adversaria e o equipo non o fixo. Teñen razón os futbolistas de que tiveron máis ocasións que o Betis -tamén recoñeceron a superioridade do rival co balón nos pés-, pero o cadro andaluz tirando menos a portería marcou un gol e os albiazuis ningún. Iso tamén hai que miralo e entendo a Adrián que diga que carecen da fortuna que teñen os adversarios. Dalgún xeito ten razón, pero sabe que o fútbol son moitas máis cousas que a sorte. Do que vin onte quedo coa agresividade, de que hai unha aposta de fútbol (sen o balón) ao que non me cadran os xogadores que saíron desde o comezo, pero disto sabe máis Seedorf ca min -como tamén Mel e Cristóbal-. Pensei que con eses homes o que se pretendía era quitarlle a pelota ao Betis, pero foi todo o contrario, segundo confesaron os futbolistas despois do partido. "Sabíamos que eles ían ter o balón e con esa idea saímos", recoñeceu Albentosa. Non saíu ben. O conto é saber a razón. Simplemente porque faltou acerto no remate? Ou hai que buscar no medo que teñen os futbolistas pola situación do equipo. Quedo coas palabras de Setién sobre o Deportivo cando asegura que ten moi bos xogadores pero que non supón quen de render polo momento que lles toca vivir. Creo que ten boa parte de razón o adestrador cántabro.