Para min rematou o conto. Sei que os números din que aínda hai tempo de acadar a milagre, pero polo que ollo este Deportivo está morto. Non queda sangue nas veas dos futbolistas, non queda forza, como amosaron onte en Mendizorroza outra vez, en parte xa hai que entendelo porque está a levar un golpe tras outro e cando calquera cousa te deixa tirado, a capacidade de reacción non existe. Era un partido para empatar sen goles, pero se rematas ten algunha posibilidade de marcar; se non rematas, non tes ningunha. Velaí a diferenza. O Alavés, que non fixo nada, foi quen de tirar algunha vez contra a portería de Rubén e meteu un golazo e mando dous tiros aos paos; o Deportivo rematou una vez e o balón tamén foi ao pao. Isto din os números. E digo eu agora, se estás perdendo cando falla media hora para o remate e ademais estás nunha situación crítica, como é posíbel que non remates á portería? En todo o segundo tempo non houbo nin un só tiro entre os paos! En todo o partido Pacheco non tivo que facer nin unha parada! A que estamos xogando? Hai catro futbolistas netamente ofensivos na alineación, como aconteceu diante do Betis, e para que? Xogar con moitos dianteiros non significa absolutamente nada porque o fútbol é movemento, é chegar e non estar. E máis se tes un dianteiro que está máis pendente do defensa que do balón. Iso si, sen chegar a certos límites polo que poda pasar que estaba lonxe da casa. Aquí toca facer que se fai; fóra nin iso. Nin faltas, nin correr ata o límite nin dar un balón ben. Iso para Riazor.