O partido de onte olleino moitas veces nesta temporada, tantas que xa estou farto. Farto como tantos outros deportivistas, pero non son polos erros atrás, sobre todo porque arriba non hai nada. Vale que desde a chegada de Seedorf o equipo so encaixara un gol perante o Betis, outro diante do Alavés e mantivo a porta a cero contra o Espanyol, pero en ningún deses partidos marcou. E onte tampouco, pero ademais a suposta fortaleza defensiva quedou esnaquizada por uns erros individuais incompresíbeis. Abondaron para ter perdido o partido no descanso. Iso que o Getafe non fora quen de crear perigo máis que cun disparo desde lonxe de Portillo. Pouca cousa, como nos tres encontros anteriores. Pero, e adiante? Que ocasións creou o Deportivo para bater a Emiliano Martínez, o substituto de Guaita? Ningunha. Non sabemos nin como para o gardaredes do equipo madrileño. Velaí un serio problema para o equipo deportivista, que esixe aínda máis no traballo defensivo, porque precisa manter a porta a cero para poder puntuar, e iso que a calidade está no ataque (eu tamén pensaba iso). Pero sen remates non hai goles, como xa dixen non hai moito, e sen goles non hai vitorias, nin salvación. So vai quedar na Primeira División o equipo que máis estea disposto a facelo, que máis folgos sexa quen de atopar, porque o Levante está tamén como o Dépor, desfeito e entregado. Amosouno perante o Betis. Semella terreo aboado para Las Palmas. Xa veremos. Polo de agora aínda hai algo de vida.