Cada partido é o mesmo. Cando vai comezar xurde un soño e unha ilusión e cando remata o corazón está desfeito. Así é o deportivismo. Hai cousas nas que hai que ter moita fe, algúns acadan ese fervor e outros quedan co tanxíbel. No deportivismo todo é fervor. Nada hai que facer. Onte cando rematou o partido escoitei e lin as mesmas cousas que adoitan dicir desde que comezou a temporada, pero vai ser que o sábado Riazor volverá contar con todos nese transcendental -xa non sei cantos van- partido perante o Las Palmas. Todo por esa fe, todo por algo que non se ve, pero no que se cre. Que dá este equipo aos seus seareiros? Eu xa non pido fútbol, tal como o entendo eu, só pido resultados. O primeiro pasa por manter a portería a cero, algo que está controlado segundo o adestrador, mais que non debe estar tanto polo que se ollou onte en Girona. Iso, tamén, que o balón parado estaba controlado. Non é o adestrador o que ten que evitar que Stuani aproveite o rexeite do paradón de Rubén, non, é o adestrador quen ten que decidir que xoguen os mellores dentro do estilo que propón. Seedorf, un futbolista moi completo, semella propor en defensa, con escasos resultados, pero non en ataque, onde están tres dos futbolistas máis valorados entre os equipos da zona medio-baixa. De que serve ter estes xogadores se o único que fan e correr detrás dos rivais. Pois iso. Por sorte, o sábado quedará case todo decidido. Si, por sorte, para rematar con este suplicio. Moito nome, moito de todo, pero o resultado remata mesmo coa fe.