Ninguén quere falar de Segunda, malia que é un feito. E cando digo ninguén falo do deportivismo en xeral, non dos futbolistas, técnicos ou dirixentes. Se antes das dúas últimas xornadas facía falla unha milagre, o que o equipo precisa agora xa non ten nome, ou eu non sei cal é. Porén, na praza de Pontevedra xa están a traballar co escenario do equipo na categoría de prata. Os catro puntos non gañados perante o Sevilla e o Leganés déronlle azos a un adversario que soubo sumar de tres en tres ata acadar a vantaxe que lle abonda para continuar na elite. O futuro deportivo é doado, os branquiazuis teñen que gañar tres partidos e empatar un, dos catro que faltan, e o Levante perder todos. Son de letras, pero os números que sei danme para pensar que? as milagres, se existen, teñen que estar para outras cousas alén do fútbol. Pois por iso compre ser consecuente e ollar máis adiante que desta fin de semana. E mesmo máis adiante que do mes de xuño. O importante leva moito máis tempo.