13 de mayo de 2018
13.05.2018

Trazos e historias deportivistas

Os gañadores dos concursos de debuxo e redacción de 'Os Nosos Valores-Escolas 110% Branquiazuis', proxecto do Deportivo e LA OPINIÓN, recollerán os seus premios o próximo xoves. Coñece as seis creacións que foron escollidas

10.06.2018 | 10:07

A inspiración, a creatividade trala experiencia. Os Nosos Valores-Escolas 110% Branquiazuis, proxecto do Real Club Deportivo e LA OPINIÓN en colaboración con Vegalsa-Eroski que acercou o Dépor aos alumnos de Sexto de Primaria da Coruña e a súa comarca, baixa este próximo xoves o pano da súa primeira edición coa entrega de premios dos concursos de debuxo e redacción. Nun acto que se celebrará o 14 de xuño e que contará coa presenza de Tino Fernández e conselleiros do club, seis dos 700 alumnos dos quince centros escolares que participaron nesta iniciativa foron escollidos para recibir premios que van desde un portátil, un abono infantil do Deportivo para a tempada 18-19 e uns cascos sen cables para os primeiros; unha tablet, unha camiseta da entidade coruñesa e uns cascos para os segundos e unha videocámara outdoor, un balón oficial do Dépor e outros cascos para os terceiros.

CONCURSO DE DEBUXO

1º PREMIO: Sabela Veiga Sánchez (CEIP Ramón de la Sagra, A Coruña) con 'Soño máxico'


2º PREMIO: José Miguel López (CEIP Isaac Díaz Pardo, Culleredo) con 'Forza Dépor'


3º PREMIO: Estefanía Díaz (CEIP Isaac Díaz Pardo, Culleredo) con 'As nenas tamén poden xogar'

CONCURSO DE REDACCIÓN

1º PREMIO: Lucas Nogueiras Peiteado (CEIP Emilia Pardo Bazán, A Coruña) con 'Unha expeciencia inesquecible'

Ola, son Lucas, un alumno do colexio Emilia Pardo Bazán. Envíovos esta carta porque me parece unha idea xenial levar nenos de distintos colexios ver o estadio do equipo da nosa cidade. Eu considérome un rapaz con sorte por vivir na Coruña: unha costa incrible, un tempo moi suave e moitas historias e lendas coma a da nosa simbólica Torre de Hércules. Pero o mellor que ten a cidade é o deporte. Temos o Básquet Coruña, o Liceo, o OAR... Pero, sobre todo, temos o Deportivo. Poder saber e coñecer como é o estadio polo seu interior é toda unha experiencia. Pero se a todo isto lle engades que che conten a historia do club, xa é algo do que presumir.

A min paréceme moi ben que formasen un equipo feminino do Dépor. O que me parece incrible é que no primeiro ano do Real Club Deportivo Feminino vaian segundas da Segunda División. É todo un mérito. Paréceme xenial que na nosa visita ao estadio dúas xogadoras deste admirable equipo nos deran os seus autógrafos e escoitasen e respondesen as nosas preguntas.

Eu só fun unha vez a ver un partido do Deportivo. Non foi unha boa experiencia, só vía as costas do de diante e, cando non estaba, os xogadores case non se vían. Ese foi o único partido que vin do Dépor. Nunca tiven a intención de volver ata que fixemos esta excursión ao estadio de Riazor. A verdade é que coñecer a historia do club fíxome sentir un pouco máis do Dépor. Estas visitas dos colexios ao estadio son unha maneira de achegar o deporte a todos os nenos e nenas da nosa cidade.

Moitas grazas pola excursión, moitas grazas por unha nova experiencia.


2º PREMIO: Nicolás John Barlow Zas (CEIP Eusebio da Guarda, A Coruña) con 'A herba do Dépor'

No mes de abril, un día antes do meu aniversario, fun coa miña clase ao estadio de Riazor. Alí ensináronnos as instalacións e coñecemos algunhas persoas.

Escoitamos unha charla sobre a historia do Deportivo e sobre unha torre chamada do Marathón, que desde entón vexo doutra maneira, xa que sei un pouco da súa historia. O Dépor ten máis de 100 anos e como nun século poden pasar moitas cousas o que lle aconteceu é que tivo boas épocas e outras non tan boas. Ás veces podes ser dos mellores sen estar arriba, que é o que lle pasa un pouco ao Dépor.

Aprendín que o rei Alfonso XIII lle deu o título de Real. Este mes estamos a aprender esa época da historia, así que me lembro ben do seu nome. Unhas xogadoras do Dépor Abanca asináronnos unhas tarxetas e respondéronme á pregunta que lles fixen sobre como se sentían e que lles pasaba pola cabeza antes dun partido. É importante coñecer mulleres deportistas porque a xente non valora o deporte feminino. Aínda que eu penso que os equipos deberían ser mixtos e non masculinos ou femeninos. Ao mellor se fose así, o Dépor tería mellor sorte.

Para min o mellor da visita foi que collín herba (que xa estaba cortada) para os meus compañeiros de natación. Fíxolles moita ilusión tela aínda que lles chegase morta, porque a súa esperanza no Dépor non se estraga como a herba. A forza do Dépor crece como a herba porque as nenas e os nenos da Coruña son os que fertilizan e fortalizan o soño de que o Dépor axiña volva estar en Primeira División.

Forza Dépor!!

3º PREMIO: PREMIO: Carla López Riveiros (CEIP Eusebio da Guarda, A Coruña) con 'Corazón Branquiazul'

O estadio estaba en silencio absoluto, só se escoitaba o ruído das pipas entre os dentes do meu irmán.

Estabamos no minuto 84 cando xa perderamos a esperanza. De súpeto, o meu pai e o meu irmán a coro rompen o meu tímpano mentres gritan: "GOOOOOOL!". Xiro á miña dereita e vexo que na pantalla pon 1-0. Celébroo con toda a miña enerxía e paixón. Foi nese momento cando me decatei do orgullosos que debemos estar do Dépor.

Coa tranquilidade de ir un punto a favor, acabei a botella de auga máis lentamente.

Durante os partidos sofremos, choramos, protestamos e alegrámonos porque sentimos as cores do noso equipo. O azul do noso mar galego e o branco da páxina do libro onde escribir todos os éxitos conseguidos polo noso equipo e todos os que virán. Eu estarei alí para celebralo.

FORZA DÉPOR!

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Buscador de deportes