Clarence Seedorf traballou onte sen os seis futbolistas cos que non poderá contar o vindeiro domingo en mestalla perante o Valencia, no derradeiro partido da temporada. Diante das seis ausencias, o adestrador holandés decidiu convocar para a sesión, que se desenvolveu en Abegondo, con catro futbolistas do equipo xuvenil.

O técnico deportivista traballou cun once que non vai ser o que forme no encontro do mediodía do domingo, xa que, entre outras cousas, estaba Bakkali, que en teoría non poderá formar parte da aliñación segundo se contempla nunha das cláusulas do contrato de cesión do conxunto valencianista.

O once que amosou onte en Abegondo foi o formado por Rubén; Juanfran, Schär, Navarro, Luisinho; Krohn-Dehli, Mosquera; Gerard Valentín, Çolak, Bakkali; Borja Valle. Neste teórico equipo faltan futbolistas como Lucas ou Adrián, alén das ausencias habituais desta semana: Sidnei, Bóveda, Carles Gil, Andone, Cartabia e Celso Borges, este xa liberado para ter tempo de concentrarse coa selección de Costa Rica cara o vindeiro Mundial de Rusia, que principiará o vindeiro 14 de xuño.

Estas seis baixas levaron a Seedorf a contar cos xuvenis Mujaid, Adrián Castro, Valín y Víctor Eimil. O primeiro deles xa fixo a súa estrea co primeiro equipo no partido da xornada anterior peranbte o Villarreal. É o recurso que lle queda ao adestrador branquiazul, xa que os futbolistas do Fabril están centrados en preparar a eliminatoria da fase de ascenso a Segunda División perante o Extremadura.

É coñecido que o filial deportivista non poderá ascender á categoría de prata do fútbol español, na que si estará o Deportivo, equipo mai, tras acadar a antepeúltima posición na Primeira Divsión na que esta fin de semana se celebrará a derradeira xornada.

Será unha fin de semana de despedidas para diversos futbolistas branquiazuis, una xornada na que nin Deportivo nin Valencia se xogan nada, como tampouco o resto dos equipos da máxima categoría, xa que todas as prazas están asignadas, tanto as que levan a Europa como as que conducen a Segunda División, algo inusual desde hai moito tempo na máxima categoría do fútbol español.

Despois deste partido comezará a reconstración do Deportivo, co obxectivo de formar un equipo que sexa competitivo para acadar o ascenso a Primeira no primeiro ano do descenso como acontecera nas dúas últimas veces que caera no pozo de Segunda. Unha imaxe que xa amosara o cadro branquiazul na década dos sesenta cando baixaba e voltaba subir de súpeto ao ano seguinte.