Vicente Celeiro (Vilalba, 1962) pasou á historia do Deportivo tal día como hoxe de 1988 cun gol perante o Racing de Santander que permitiu ao Deportivo salvarse do descenso a Segunda División B e tamén evitar a morte do primeiro clube de A Coruña. Trinta anos despois, unha boa parte do deportivismo considera ese tanto do dianteiro vilalbés como o máis importante da historia de entidade. "Aínda hoxe estou incrédulo ao ver como se lembra ese gol", comenta Vicente, "pero iso di moito e bo do que significa", engade. O exatacante branquiazul estará hoxe outra vez na Coruña para participar nun acto no que se festexará o aniversario e que organiza a produtora audiovisual Chiripa da man co Deportivo e no que se atopará seguramente con compañeiros daquela época, coma el saídos da canteira deportivista.

Sorprende a Vicente que ese gol teña máis transcendencia que outros tamén moi importantes na historia de Deportivo. "Sei o que supuxo e o que significaba naquel momento, pero non sei eu se haberá algún outro gol do que se manteña tanta lembranza durante tanto tempo; e debería habelo, por exemplo os dous de Stoja tres anos despois diante do Murcia, que supuxeron o ascenso", comentou onte o de Vilalba. Recoñeceu Vicente Celeiro descoñecer a transcendencia e o valor do tanto de Beci perante o Rayo Vallecano na derradeira xornada da temporada 1970-71. A fotografía na que aparece Eduardo López -o 9 daquel Deportivo- saltando por riba de Samper, porteiro vallecano, mantívose durante moitos anos colgada como referencia en moitísimos centros de hostalería da cidade. "Non lembraba", dixo Vicente.

Co gallo deste aniversario, o vilalbés volve recuperar protagonismo doutros tempos vestido de branquiazul, xa que ocupa o papel principal nun documental baseado naquela temporada que rematou co seu histórico gol. "Síntome louvado, claro que si. Cando me comentaron a idea por primeira vez estaba un pouco incrédulo porque xa vai tanto tempo e pasaron tantas cousas...", recoñece.

Van xa trinta anos, pero hai moita xente que non esquece aquela tarde de sufrimento que rematou cun estoupido único que asolagou toda a cidade. A bastante distancia de Riazor non foron poucos os que se decataron que o Deportivo viña de marcar. Vicente fitou para o asistente "por se estaba en fóra de xogo", tirou da camiseta e púxose a correr cara as bancadas perseguido por todos os seus compañeiros. "Aínda se me pon o pel... cando lembro ese momento, pero xa van trinta anos", explica.

Algún máis desde que chegase á Coruña para xogar co primeiro equipo xuvenil que militaba en División de Honor -1978-79- cando o dianteiro aínda compría a súa primeira temporada na categoría. Despois chegou o paso polo Fabril e o salto ao primeiro equipo. Compañeiros daquela época estarán hoxe con Vicente neste aniversario.