Ten pinta de que a xunta de accionistas do Deportivo será aló polo mes de xullo, unha decisión que ten que adoptar mañá o consello de administración na xuntanza específica que celebrará para tratar sobre o asunto da presidencia. Miguel Otero presentou nun notario unas 11.000 accións, que veñen representar o 6,5% do capital social da entidade. O notario trasladou ao club que lle foran depositados eses títulos, pero a certificación correspondeulle á asesoría xurídica do Deportivo, que semella que xa ten un informe despois de dúas semanas de traballo. Agora o consello ten que decidir a data para a xunta extraordinaria na que Otero pretende "disolver" á directiva. Despois chegará a convocatoria doutra xunta para a elección dun novo consello de administración, o que vén ser unhas eleccións, pero na que contan o número de accións e non o número de accionistas. Se é en xullo vai todo en prazo -falo de legalidade- e despois quedará un mes máis para a segunda cita extraordinaria. Eu non sei se Tino Fernández vai certificar o martes, ou o mércores, que o seu adversario dispón do 5% do respaldo da masa social, pero a situación e a mobilización doutros grupos de deportivistas van provocar que haxa o que se está a chamar eleccións, alén de que a oposición presentase ou non ese cinco por cento mínimo esixido. Queda un comezo de verán movido pero no que non se pode parar, porque aínda que contar a delegación de accións levase unha semana, hai uns prazos legais que pode manexar o consello como considere. É dicir, que se actuasen con presas, ninguén podería traballar para as saídas ou as entradas durante o tempo que pasou desde que rematou a Liga. O deportivismo ten que decidir e eu, como observador, só podo dicir que as palabras por si non serven, cando se di algo hai que ter algún soporte. E amosalo.