No mes de abril, un día antes do meu aniversario, fun coa miña clase ao estadio de Riazor. Alí ensináronnos as instalacións e coñecemos algunhas persoas.

Escoitamos unha charla sobre a historia do Deportivo e sobre unha torre chamada do Marathón, que desde entón vexo doutra maneira, xa que sei un pouco da súa historia. O Dépor ten máis de 100 anos e como nun século poden pasar moitas cousas o que lle aconteceu é que tivo boas épocas e outras non tan boas. Ás veces podes ser dos mellores sen estar arriba, que é o que lle pasa un pouco ao Dépor.

Aprendín que o rei Alfonso XIII lle deu o título de Real. Este mes estamos a aprender esa época da historia, así que me lembro ben do seu nome. Unhas xogadoras do Dépor Abanca asináronnos unhas tarxetas e respondéronme á pregunta que lles fixen sobre como se sentían e que lles pasaba pola cabeza antes dun partido. É importante coñecer mulleres deportistas porque a xente non valora o deporte feminino. Aínda que eu penso que os equipos deberían ser mixtos e non masculinos ou femeninos. Ao mellor se fose así, o Dépor tería mellor sorte.

Para min o mellor da visita foi que collín herba (que xa estaba cortada) para os meus compañeiros de natación. Fíxolles moita ilusión tela aínda que lles chegase morta, porque a súa esperanza no Dépor non se estraga como a herba. A forza do Dépor crece como a herba porque as nenas e os nenos da Coruña son os que fertilizan e fortalizan o soño de que o Dépor axiña volva estar en Primeira División.

Forza Dépor!!

O estadio estaba en silencio absoluto, só se escoitaba o ruído das pipas entre os dentes do meu irmán.

Estabamos no minuto 84 cando xa perderamos a esperanza. De súpeto, o meu pai e o meu irmán a coro rompen o meu tímpano mentres gritan: "GOOOOOOL!". Xiro á miña dereita e vexo que na pantalla pon 1-0. Celébroo con toda a miña enerxía e paixón. Foi nese momento cando me decatei do orgullosos que debemos estar do Dépor.

Coa tranquilidade de ir un punto a favor, acabei a botella de auga máis lentamente.

Durante os partidos sofremos, choramos, protestamos e alegrámonos porque sentimos as cores do noso equipo. O azul do noso mar galego e o branco da páxina do libro onde escribir todos os éxitos conseguidos polo noso equipo e todos os que virán. Eu estarei alí para celebralo.

FORZA DÉPOR!