Polo que viñen escoitando nestes días hai certas dúbidas sobre as posibilidades do Deportivo de acadar o ascenso á Primeira como aconteceu nas dúas temporadas anteriores nas que descendeu a Segunda División. Porque descendeu en 2011 e en 2013 se non lembro mal. Eu tamén teño a miñas dúbidas, pero so ollei o derradeiro partido da pretempada perante o Oviedo e non debe abondar para facer negunha análise. Se so fose por iso, penso que moi mal ten que estar a Segunda para que o Deportivo ascenda e o Oviedo non baixe. É evidente que preciso máis información. Algo que chega polos partidos e os adestramentos. Tamén é certo que non teño coñecimento dos adversarios (cousa das vacacións). Pero, como alguén dixo, creo que era do Albacete, se o Deportivo non é favorito, quen o é? Concordo con quen di que os nomes pouco din, sobre todo os dos clubes, pero de algo terán que valer, ainda que sexa para intimidar. Os que xa pasamos dos vinte e vimos partidos de Terceira -non prentendo ensinar a ninguén que so sabe falar do noventa cara aquí- pasámolo moi ben con aquel equipo dos sesenta-setenta que ascendía e baixaba e voltaba a ascender. "Tiñamos moito equipo para Segunda e pouco para Primeira", repite Beci. Equipo! Esa é a chave. Non os nomes. Levo tres anos nos que chegaba esta época e vía nomes que me facían sorrir e pensar -quizáis soñar-, en cousas; resultaron ser simples soños roncados. Claro que os que saben xa o sabían. Como agora.