O primeiro que pensei cando vin a aliñación do Deportivo na súa estrea na competición oficial é que hai alguén que manda de verdade e que os nomes de moi pouco lle serven. Este Deportivo asinou a moitos xogadores ao longo de verán, pero dos once elixidos para o partido do Carlos Belmonte Natxo González escolleu a dous que a pasada temporada xogaban no Fabril en Segunda B: Edu Expósito e Caballo. No banquiño quedaron Dubarbier -lateral esquerdo con experiencia- e Pedro Mosquera, que deu un paso cara adiante para seguir na súa cidade e que comezou sen un posto no once que principiou o partido. Unha mensaxe dun adestrador que amosa que o que manda é o colectivo? Pode ser. O que si penso é que hai certa mensaxe para certos xogadores que aínda non amosaron a implicación que se esixe, caso de Borja Valle que, de ter grandes actuacións na parte final da Liga anterior en Primeira pasou a ser suplente na estrea en Segunda. E sen evitar que eu pense que entrou na lista pola doenza de Christian Santos. O que a min me transmitiu onte Natxo é que neste equipo vai xogar o que o mereza, alén do seu nome porque o máis importante é o resultado. Quero engadir, que a forma de conseguilo, que para min é moi imporante, tampouco me pareceu mal. Mágoa que neste mundo do fútbol hai outras mensaxes, como a que mandou onte o árbitro madrileño, que para gañar non abonda con facer as túas cousas, dependes do que decida un tipo que lle chaman xuíz e o de onte non é malo, é algo peor.