Dá o mesmo que xogadores estean no campo que se non chegan balóns a área adversaria non hai xeito de marcar un gol. Aconteceu onte como acontecera nos outros encontros do equipo branquiazul, pero cun matiz, que noutras veces polo menos rematara tres ou catro veces á portería adversaria e onte só o fixo nunha oportunidade. Falábase do Sporting na súa visita a Riazor hai unha semana, loubanzas para os deportivistas que non deixaran aos asturianos rematar nin unha soa vez, pois agora haberá que facer o propio co Alcorcón e buscar a causa de que os futbolistas coruñeses non foron quen de inquedar ao porteiro do Alcorcón. Xa non é tanto que haxa máis ou menos dianteiros é que estes teñan a posibilidade de rematar a portería, que non é o caso. Onte foi xa moi escandaloso, máis cando están por baixo no tabuleiro desde a primeira parte e na segunda non muda nada para que poideran ter alguna posibilidade de igualar. Xa non digo o tradicional de colgar balóns desde o comezo, especialmente cando entrou Christian Santos, pero si facelo cando o partido está a piques de morrer. Un recurso tradicional? Si. O que queda cando co teu estilo non o acadaches en noventa minutos. Do que se trata é de marcar, e concordo que primeiro hai que ter un estilo para facelo, pero sempre ten que existir outras posibilidades para tentalo, polo menos. E onte, viuse de lonxe que o Deportivo non ía marcar nengún gol. Seguro que non o faría nen desde os once metros. Mellor non telo comprobado.