Hai ben tempo que Riazor non remata un partido con tanta tranquilidade como o de onte, xa era chegado o momento por todo o que fai o deportivismo. Un triunfo incontestábel dos branquiazuis, donos do balón e con acerto no remate, por fin. Si quero dicir que o Elche foi para min o mellor equipo que pasou por este campo; foi o que máis perigo criou perante a portería de Dani Giménez, o que máis a buscou; iso que xa viñeron Sporting, Granada e Málaga. Será que gusto dun fútbol distinto a outros, aínda que tamén son dos que miro cara atrás. Quero dicir que non me sirve ese xogador que só está cando gañas por catro ou cinco e non aparece cando empatas ou tes que remontar un 0-3, por exemplo. Onte apareceron moitos xogadores con Carlos cos focos enriba del por mor do traballo dos demais. Precisaba marcar e se lle viña notando nos últimos partidos e agora leva catro goles en dous partidos. Xa ten que acougar, porque aínda sendo dianteiro o seu fútbol é para moito máis que para anotar un simple gol. Así virán moitos máis goles, dos que el anotará algún, pero fará que os seus compañeiros metan máis porque el sabe, el é futbolista. Non dubido que tamén queira gozar deses momentos, porque mesmo a un porteiro lle gusta meter a pelota no marco contrario, é a esencia do fútbol, pero non é o único sobre todo para futbolistas do nivel do andaluz. Ah! Por certo, escoitei que Juan José cometera un erro grave no terceiro gol do Deportivo; pois non. As veces un fala sen saber o que é andar ou correr con tacos.