Considero que fai ben o Deportivo non presentar alegacións polo cartón vermello a Borja Valle, pero non porque non teña razón, so porque non ten xeito de demostrar nada e o único que vale é o que escriba o xuíz na acta do partido. Pode haber outras vías se o futbolista se considera prexudicado e Ais Reig minte, como salienta Rodrigo Fernández Lovelle, representante do berciano, porque tratase de falsidade nun documento oficial, mais non sei se pagará a pena. Este árbitro ten antecedentes polémicos, mesmo en Terceira División foi recibiu a mesma acusación que fai Lovelle, pero está en Segunda División. Quero dicir que ás súas supostas polémicas non importaron no Comité de Árbitros porque seguiu pitando e ascendendo. Protestar agora tampouco vai servir de moito, aínda que eu non quedaría calado. Eu non sei o que lle dixo Borja Valle, pero sei que o deportivista estaba no chan coas mans na cara e de súpeto ergueuse como un lóstrego cara o xuíz. A razón? Que algo tivo que escoitar. Que lle dixo Ais? Algo tivo que dicirlle. Nótase na forma de proceder de Borja Valle e tamén na faciana do propio árbitro, con ese sorriso cínico, covarde e prepotente. O Deportivo nada pode facer, terían que ser os superiores do colectivo arbitral, pero despois dos antecedentes vai ser que tampouco farán nada. Polo menos ter información, que é o máis importante. E neste caso fíxome nas reaccións non so nas palabras porque das persoas agardo todo, sobre todo cando hai unha maldade que nunca se deixa ollar. Xa postos, se eu son Ais Reig non permitiría que ninguén me chamase mentireiro, pero para iso teño que non selo. E postos na outra beira, na de Rodríguez Lovelle, teño que estar moi certo para escribir o que escribiu cando lle dixo que mentía. E se o fixo é por algo. O peor para o de Verín, e o seu representado, é que so serve a palabra do xuíz. Vén de acontecer coa expulsión de Quique perante o Málaga. Os comités puideron rectificar ao ollar o vídeo e decidiron pasar. Pois nestas mans está o fútbol. Haberá que estar atentos ata onde chega este valenciano no eido do fútbol, que eu supoño que será moi lonxe.