Os mellores momentos dos partidos son a hora antes de que comece e cando os seareiros saen de Riazor. Onte non houbo moita xente, seino, pero fiquei sorprendido para ben en San Roque. Onde eu tomo café había un grupo do Destino Riazor con garimbas, tapas e cafés, alén da xente propia do barrio que é fixa, xente xa veterá, que salientaba que persoas de tan lonxe viñesen cada semana. "Estes teñen mérito, máis que nós que vivimos a cinco minutos do campo", dicíame un coñecido. Todos se achegan ao estadio cun sorriso e saen con ese sorriso multiplicado por non sei canto. As veces dou en pensar que paga a pena estar máis en Segunda, aínda que desboto este pensamento en nada. E todos estes seareiros, sexan da Coruña ou sexan de centos de quilómetros, saen ledos, pero? Teñen unha sensación semellante á miña. O Deportivo gaña con solvencia, pero ? podía facelo doutro xeito, con máis superioridade. Eu gosto da proposta de Natxo, ollo un equipo que sabe a que xoga, mais precisa dar ese puñado enriba da mesa para intimidar. Iso non o vexo neste Deportivo. Onte gañou ben, pero concedeu moito en defensa. Con esas dúbidas que xera o equipo por momentos atrás, só queda ser máis contundentes arriba. Non é tanto. Manda no partido coa pelota, pero ese paso atrás xa custou puntos. Albacete, Tenerife e Córdoba, alén das arbitraxes. Con ese sopapo preciso o conto sería outro. Por certo, sempre dixen que un novo equipo e un novo adestrador precisan polo menos tres catro meses de traballo, e aquí aínda non van.