Esta vez o Deportivo pode sorrir polo gol de Domingos cando xa non había tempo para máis. Foi un gol que castigou a soberbia dos canarios, que tiveron opcións para decidir o encontro, pero non o fixeron quizáis por mor dun exceso de confianza. Cando chegas ao área hai que rematar e matar, e os atacantes do Las Palmas non o fixeron. Pararon, miraron e? erraron. Por iso o gol e Domingos Duarte sentou tan mal na illa e tan ben entre os seareiros albiazuis. Un punto que non é malo. Pero puido ser unha derrota e todo polo de sempre. Insisto en que este equipo sabe a que xoga, ten a pelota e manda con ela, pero só nos tres primerios cuartos do terreo de xogo, porén, no último e decisivo non é quen de facelo. Non o fixo onte, nin o fixo noutros encontros. Por iso deixou dous puntos en Albacete e tamén en Tenerife; mesmo onte, porque antes do descanso tiña que terlle dado un golpe definitivo ao adversario. Mais, o Deportivo semella pasalo mellor xogando co risco, agardando, non machucando, e no fútbol iso non é bo porque un gol chega en calquera momento. Amosouno onte o Deportivo, comprobouno en anteriores partidos, pero daquela como damnificado. Se mandas, machaca, sen máis. O fin deste xogo e marcar goles, marcar máis dos que poida facer o adversario. Naqueles partidos da rúa había moitos acertos no remate, tamén nos comezos das competicións profesionais; agora trátase de non encaixar. Vale! Pero se es supeior tes que marcar e decidir. E este Dépor é superior aos seus rivais.