Non hai como ser pobre para que che caian os teus paus e os dos ricos. Só falo de fútbol, onde tamén se sofren certas desigualdades. En menos de tres meses o Deportivo sufriu xa diversos aldraxes dos árbitros e, o que é peor, dos Comités de Competición e de Apelación da FEF. A expulsión de Quique González por facer unha chilena foi unha decisión nunca vista no eido do fútbol, pero se grave foi o cartón vermello que lle amosou Díaz de Mera, moito máis o foi que o Comité o castigase cun partido. Chegou despois o que fixo Ais Reig coas expulsións de Pablo Marí (non cometera ningunha infracción) e Borja Valle en Córdoba. Polo visto o dianteiro chamoulle "sinvergüenza", algo que negaron el e o seu axente. Chegaron a falar de mentira dun árbitro xa acusado outras veces do mesmo. Competición castigou a Marí malia que no vídeo pódese ollar que non comete ningunha infracción. Se isto é grave, o desta semana para min é moito peor, e iso que non se trata de castigos a ninguén do Deportivo. As sancións do Osasuna-Málaga amosan que se están a rir de todo o mundo do fútbol. Seica un futbolista, N'Diaye, golpea a un adversario, dille que o vai matar e trata de ir por el varias veces e ten que ser agarrado polos compañeiros e contrarios e só é castigado con un partido. Porén, Xisco -exdianteiro do Deportivo- que tentou calmar ao centrocampista do Málaga foi sancionado con tres encontros. Están vacilando a todo o fútbol, sobre todo aos pequenos. Son estes xuíces? Refírome tanto aos que están no campo como os que ditan sentenzas. Con calar non se fai nada. Velaí o caso de Gustavo Blanco, o goleador do Málaga, tamén expulsado, neste caso por dobre cartón amarelo en El Sadar que vai poder xogar no seguinte partido porque este comité decidiu anular o segundo amarelo que lle amosou o árbitro. O mesmo que aconteceu con Marí. Isto só vén de comezar, pero se a estas alturas do conto xa se ollan decisións que só favorecen a un e prexudican a outros, que acontecerá aló polo mes de maio, cando isto estea a piques de rematar? Un partido por ameazar e non querer marchar do campo e tres por querer deter unha lea?