Segunda vitoria contundente do Deportivo en Riazor, triunfo intimidatorio, que é o que precisa facer un equipo que busca o que busca o cadro branquiazul. Con nada fixo catro goles. Como aconteceu o día do Elche. Mais non foi en absoluto unha vitoria cómoda, para min foi dos peores partidos do equipo de Natxo aquí en Riazor. Xa o equipo ilicitano lle disputara o balón, tamén o fixera o Reus -que merecerá máis- e onte fíxoo o Oviedo, que rematou con catro no peto. A lectura de partidos como o de onte é que sen facer moito o Deportivo marca e golea, que se amosa contundente, que é o que lle hai que pedir a este equipo. Eu chámolle intimidación. Deste xeito aqueles rivais que veñan a Riazor van ter moitas dúbidas porque se saen a polo partido, perden; se veñen a pecharse atrás, perden. Como se lle xoga a este Deportivo aquí? Unha dúbida que terán que resolver os técnicos dos futuros adversarios do cadro coruñés. Un córner permitiu o primeiro gol, cun aclarado, que se diría en termos de básquet, que deixou a Domingos cabecear libre de marca; e despois foron tres contras que os atacantes resolveron de xeito moi doado por mor da calidade e contundencia que teñen diante da portería. Ah! Todo isto a acompañado da seguridade atrás e de certa dose de fortuna, que tamén é precisa, para desfacer a un rival. Moi ledo, malia que onte non quedei moi satisfeito. Por certo, que os que decidiron non vir a Riazor polo Boca-River deberon quedar un pouco empapados. A choiva onte mudou o rumbo.