Todos quedaron amolados despois do partido de onte en Almería, desde o adestrador ata calquera xogador. E falaron ben, polo menos non se agacharon, pero non abonda. É ben certo que o Almería é un dos equipos máis complicados que existen na categoría porque sabe perfectamente o que facer, se perde o balón hai falta. Os seus xogadores téñeno claro e non dan opción aos adversarios, neste caso aos deportivistas. Foi ese típico partido -seica agora din mítico para todo- no que o normal sería empatar a cero e se algún tiña que marcar sería o equipo localtario, que tampouco tivo oportunidades, foron moi escasas; pero tamén é deses partidos nos que o grande, neste caso o Deportivo, gaña case sen chegar. Onte puido pasar, cando no derradeiro minuto Quique chegou ata o área e disparou fóra. Se marca? O clásico, son as armas dos poderosos. Sei que hai que arar moito diante de equipos como o Almería, e outros, pero tamén insisto en que hai que impór algo máis sobre o terreo de xogo e intimidar ao rival. Se non chegas eles van estar quedos, se chegas, van recuar, e moito. Sei que é un xeito de ver as cousas e que co que está a facer Natxo o Deportivo so perdeu un partido dos catorce disputados. Algo estará a facer ben. E outra cousa, sen xogar ben volveu a sumar lonxe de Riazor. Esta é a leitura que fan os que son máis positivos ca min, semella que existen. Acredito neste equipo e moito, pero tamén estou certo de que pode facer moito máis. Ah! e onte, partidazo de Pablo Marí, rabuñou todo e case sen faltas!