O de onte non ten xustificación, pero é o resultado lóxico dunha traxectoria que non é de un día. Un partido que estaba para gañar con comodidade rematou cun xusto empate. A cousa é saber a razón dese empate. Coñecer a causa dun problema é o mellor xeito de atallalo. E seica Natxo González sabía o que ía acontecer. Xa o cabreo que tiña converteuse en algo moito máis forte. Unha cousiña, se eu teño un problema e non atopo a razón, é difícil atopar a solución; mais se atino coa causa, será máis doado que desapareza; non si? Como pode un adestrador dicir o que dixo Natxo na rolda de prensa? Non dou crédito. E o problema non son as súas palabras, que eu penso que fala sempre de xeito moi aberto, a cuestión é que está dicindo que vía unha complicación e non soubo resolvela. Iso é o que deduzo do que dixo. Cóstame entender isto. Acredito no traballo que fai Natxo, porque en Riazor levábamos tempo sen ver un equipo que sabe o que fai, coas diferenzas pola idea que eu teño do fútbol, pero o seu labor dá resultados. Non podo discutir con él porque está nun nivel superior como adestrador que é, pero si podería matizar e, sobre todo, preguntar para aclararme. Non entendo iso de dar un paso atrás cando vas por diante, tanto se o decide o adestrador como se son os xogadores, porque neste último caso tamén é responsábel o técnico. O equipo fai o que manda o que manda. Pero tamén os futbolistas teñen responsabilidade, porque o xogo é deles; e comprendo que haxa erros, que onte errou Dani, que xa é dicir.