A pouco que se despiste un vai acabar perdendo algún gol en Riazor, pois xa van dous partidos nos que case sen tempo para sentar o Deportivo xa vai gañando; perante o Numancia marcou Edu Expósito e onte fíxoo Borja Va lle antes de que se cumprisen os dez minutos. Xa sei que co Zaragoza houbo que comezar outra volta polo gol dos maños de penalti. Despois chegaron outros dous para pór a sentenza. Onte si; non como hai unha semana cando o equipo branquiazul desaproveitou unha vantaxe de dos goles. E para min foron partidos moi semellantes nos que se xogou máis tempo na metade de campo local que na do visitante. Catro goles a balón parado. Xa había tempo. Dous deles moi dubidosos, hai que recoñecelo, sobre todo o primeiro, que foron consecuencia da superioridade deportivista como en todos os arranques. Despois, outra vez o paso atrás e a xogar á espera do adversario, aínda que nesta vez cun control da pelota superior a anteriores partidos. O partido estaba virado no descanso, si; como o do Numancia tamén semellaba que estaba, por iso insisto se costa tanto ir por outro gol para que non poida haber dúbidas. Gañas, mandas e decides. Normalmente é máis doado co balón, malia que entendo que haxa outras opcións. Eu sigo a ser deses que gustan manexar a pelota e divertirme con ela, porque se non a teño o esforzo é máis grande porque teño que correr detrás dela e dos contrarios. É unha idea! A proba é que este equipo cando a ten xoga a divirte á parroquia, e mesmo fai goles.