Os derradeiros noventa minutos do ano do Deportivo foron demoledores. O que aconteceu no Ramón de Carranza de Cádiz é o que queda dos 19 partidos que leva o equipo no que vai de temporada, sobre todo o resultado tan contundente e tan avultado. É cousa das expectativas, digo eu. Era a oportunidade de rematar este 2018 desde o cumio da clasificación, ollando cara abaixo para os demais; era a oportunidade de marcar territorio e tamén de intimidar, pero non. Será por iso que o deportivismo está sumido en dúbidas outra vez? Eu entendo a quen o faga; non é o meu caso porque estou certo de que este Deportivo vai estar de volta con diferenza. Ou polo menos debería.

O derradeiro é o que permanece por ser o máis recente e leva a esquecer o bo que houbo e hai. Ser cuarto a tres puntos do liderado cando o soño mantíñate nese posto de privilexio fai que o conto cambie. Propio da mente. Porén, ese cuarto posto a dous puntos do ascenso directo semella ser unha posición de privilexio nunha competición na que ninguén é quen de marcar diferenzas, nin o Deportivo nin o Málaga, ese equipo que comezou gañando os primeiros cinco partidos e que só ten un punto máis que os coruñeses. Do Las Palmas, xa non falar cando mesmo o seu presidente di que o seu obxectivo é a permanencia. Son os tres equipos que no curso anterior estaban en Primeira.

Adoitamos non ollar cara os demais, e pode ser unha boa filosofía cando se ten seguridade nun mesmo e, neste caso, cando hai futbolistas para ter feito máis, desde a miña idea. Este Deportivo está ben configurado grazas ao labor de Carmelo del Pozo, e creo que está ben traballado, cousa de Natxo González. Gústame comprobar que hai un estilo, unha forma de facer as cousas, que é a consecuencia do que se fai cada día en Abegondo, que había xa tempo non se vía por aquí. Outra cousa son as formas. Cada un temos unha idea do que nos gustaría ollar; máis os que saben teñen o seu estilo. Peor? Non! Distinto, pero cunha vantaxe pola súa banda, que saben disto.

Falo con xente, leo cousas, escoito cousas e non acredito. Se eu non adestrei a ninguén máis aló dun equipo de infantís, como lle podo dicir a un técnico como ten que facer as cousas? Se eu non pasei de Preferente e os futbolistas están en Segunda, moitos xa xogaron en Primeira, como podo dicir o que teñen que facer? A teoría é doada, pero a práctica? xa é outro conto. Sei de teóricos que lles dabas un balón de Nivea e nin lle apuntaban. Está ben non conformarse, está ben discrepar do estilo, pero cuestionar coñecementos e capacidade para estar nesta categoría paréceme moi ousado. Eu non o fago, será que nunca cheguei nin a Segunda.

Gústame que este Deportivo teña personalidade; gústame que teña unha idea de xogo -malia que non concorde con esa idea-; gústame que haxa equipo. Gusto de moitas cousas deste Deportivo; tamén hai outras que non, e por iso teño gañas de saber. Unha conversa con quen pode explicar seguro que é moi satisfactoria. Porque o fútbol non é que saian once e como facer os trocos, este conto é moito máis complexo. Si, mesmo moito máis que darlle a un balón de Nivea.

E tamén insisto, creo que pola cualidade do plantel -non falo do que se supón que toca ben o balón e só dá dous pases en cada partido, diso non, porque algún leva xa non sei cantos partidos e aínda se está agardar a que apareza-; pola forza que ten este equipo e polo traballo que hai creo que este Deportivo ten que ter acadado o obxectivo moi sobrado. Opinión de deportivista, que non de técnico. Que tamén os hai, técnicos, que só teñen a dúbida de cando se confirmará ese ascenso! E eses si que tamén saben máis ca min.