Lamentábel! Foi o que me escribiu un amigo deportivista un segundo despois de rematar o partido de onte. Non concordei con el; respondinlle que era o seguinte a iso. Falaba eu cos meus compañeiros que era o clásico partido de 0-0 no que o Mallorca remata marcando un gol e un deles, compañeiro, lembrábame as dúas paradas de Dani Giménez. Certo, en parte. E lembrei eu o que dicía Natxo na véspera do partido: "Aquí todo se move polo resultado". Son palabras súas. Isto é certo e eu pregunto porque non se busca logo o resultado? Se buscas un empate vas ter que marcar; se buscas non encaixar e agardar unha oportunidade, tela que marcar. Podería dicir máis cousas, pero o resumo é que para marcar hai que rematar, disparar. E canto rematou/disparou onte o Deportivo? Cantas opcións de remate ou de marcar tiveron os dianteiros branquiazuis? Cero. Así non se pode ganar. Porque os dianteiros, máximos expoñentes do ataque, non tiveron ningún balón para rematar? Son preguntas que me saen. Xa sei, a eficacia e a contundencia. Se os de arriba non teñen balón non poden nin marcar nin facilitar que os que veñen de atrás o fagan. Haberá que buscar solución. Lembro unha frase de hai anos: "Con Makaay un mal despexe é medio gol". Díxoo Djalminha. Claro que algún con tres pases e nada máis era un heroe. Esa figura nin existe hoxe, malia que hai dous que teñen que xogar si ou si. Para que? Para agocharse? O fútbol non son nomes, sexa na categoría que sexa. Sigo crendo, pero estou moi defraudado.