Complicado ten que ser meterse na pel de Christian Santos nun partido como o de onte. O venezolano deixou os folgos, buscou un balón coma un doente, pero case nunca chegou. Tivo que buscalo, porque os seus compañeiros onte non lle deron ningún para que puidese cumprir co seu rol principal: rematar. Supoño que para iso xoga na fronte do ataque. Unha das virtudes de Santos é o xogo aéreo, pero non tivo ningunha posibilidade de cabecear ningún balón cara o marco do Tenerife porque ninguén llo enviou. Os escasos centros que se produciron desde as bandas quedaron sempre mortos no primeiro pao sen posibilidade de que o atacante chegase, pero non só para tentar meter un gol, non; porque outra das virtudes que salientan no seu xogo é a xenerosidade, ese deixar as pelotas para que as aproveiten os compañeiros. Tampouco tivo esa posibilidade. A única que lle ofreceron foi saltar polos envíos longos que chegaban desde a defensa para que cabecease cara un costado, na procura dun compañeiro. Un remate fixo a portería en todo o partido, e foi desde fóra do área. Mandou o balón por riba do largueiro. Eu supoño que se se xoga cun dianteiro das súas características é para que chegue algún balón desde os extremos; xa non digo que o equipo centre todo en colgar balón, para nada, si digo que o podería facer algunha vez para tentar tirar proveito da fortaleza, neste eido, do venezolano. Marchou rebentado, porque correr, correu todo o que precisou o equipo; niso puido axudar. Pero ten máis cousas.