Albis deuse a coñecer no Mundialito da Emigración que se disputou por primeira vez en 1982 en campos da provincia de A Coruña. Era un campionato de seleccións formadas por fillos ou netos de emigrantes galegos ao que responderon 16 federacións de América, Europa e África. Había moi bos futbolistas e entre eles estaba Ricardo Albisbeascoechea, un fino interior de Arxentina -tamén lembro a Acosta, líbero con Venezuela que chegou mesmo a absoluta do seu país-, que xa non cruzou o charco outra vez. O Málaga decidiu que tiña sitio no seu plantel. Dese Mundialito houbo outro futbolista que tamén quedara nun equipo español, pero non lembro. Eu daquela era un estudante que por cousas compaxinou os exames de aquel curso 81-82 cunha participación directa con este Mundialito o que me permitiu ollar numerosos partidos e desde o primeiro quedei coa imaxe de Albis. Xogou a final do torneo en Riazor o 30 de maio perante Venezuela e ficou, pero non na Galiza, foi en Málaga. Voltou ao estadio coruñés oito anos despois, xa como profesional despois de botar tres anos no conxunto malagueño (Primeira División), outros tantos co Logroñés (dous en Segunda e un en Primeira) e dous máis no Valladolid (tamén en Primeira). Tiña 21 anos cando pisou por primeira vez o céspede dun campo que se estaba a preparar para acoller partidos do Mundial 82; cando regresou a ese mesmo verde xa coa camisola do Deportivo tiña oito máis. Foi importante no ano do ascenso do 91; prescindíbel xa en Primeira e voltou a Málaga. So xogou un partido dos que enfrontaron a deportivistas e malaguistas, o da segunda volta, e marcou o único gol. O da vitoria coruñesa.