Para min era un partido para que o Deportivo gañase onte con relativa facilidade malia a ese tanto inicial do Alcorcón. As sensación que aportaba o equipo era que o gol ía chegar en calquera momento, pero non lembraba eu que un dos principais problemas que ten este equipo é o remate. Ou é Quique ou non é ninguén, nin sequera os centrais, xa moito máis controlados, son quen de aproveitar as xogadas de estratexia. E sen goles pasa o que noutros encontros, que deixas fuxir uns puntos que podes chorar aló polo mes de xuño. Na casa hai que imporse con contundencia, esa que o equipo de Natxo non ten hai moito tempo; esa contundencia que fai gañar un respecto que os albiazuis tiñan aquí cando comezou a temporada; un respecto que os rivais semella que lle perderon. Tres empates consecutivos son moitas concesións na casa para un equipo que quere e ten que ascender. Seis puntos desperdiciados que favorecen aos que loitan por esas dúas prazas de ascenso directo. Os doce puntos deste mes eran innegociábeis, pero xa serán dez como moito; se son, porque as dúbidas son enormes, sobre todo pola falta de pegada. Ao fútbol xógase co balón e tamén ter a pelota é o mellor xeito de defender, pero é importante ollar cara adiante e anotar. Definir. Facerse respectar. Agora seica xa hai menos respecto, e iso non é nada bo. Son dos que cre que xogar con moitos dianteiros non é sinónimo de nada, pero de cando en vez facer algo distinto tampouco estaría nada mal. Sobre todo para despistar aos adversarios.