Un equipo de larica, ou de bla bla bla, era ese do que falábamos nos meus tempos mozos, ese que tiña moi bos xogadores pero como conxunto non chegaba nin a banda porque cada un tocaba unha melodía por libre sen chegar a harmonizar, que nin ninguén se me ofenda que falo de banda como un conxunto. Que tampouco me preocupa. Isto xa pasaba nos comezos de século no Deportivo, pero como había futbolistas que mandaban nos xogadores era máis doado; claro que tamén o era fichar porque ninguén controlaba os gastos como agora fai a LFP. O Deportivo ten o terceiro orzamento de Segunda e é o terceiro por límite salarial e para min foi quen de ter o mellor plantel da categoría no que dous xogadores chegados do Fabril „non canteiráns„ son fixos e un é básico como é Edu, pero ter os mellores non é sinónimo de ser o mellor equipo.

Cando falo de laricas, ou bla bla bla, lembro un partido de xa hai uns aniños, dese ano que xoguei no Sin Querer e nos enfrontábamos ao Ciudad Jardín, un equipo que tiña futbolistas que hoxe estarían en calquera equipo de Segunda, sobre todo un excelso Rivas (DEP) e Vaquero (síntoo se esquezo a outros, cousa da memoria). Un domingo en Elviña ás dez da mañá. O Ciudad Jardín non ía ben e nós pelexábamos polo ascenso. Unha rivalidade entre San Roque e Os Mariñeiros. Por xogadores tiñan que ser campións; como equipo eran un desastre. Falamos entre nós e concluímos que un domingo ás dez da mañá gañábamos seguro porque eles ían estar de festa toda a noite e dos nosos so estaríamos tres ou catro, eramos moito máis novos. Ás doce do domingo o resultado díxoo todo. Eses xogadores, e ademais amigos, sabían dos nosos comentarios e xogaron como equipo. O resultado foi 6-1. Nada que dicir, so felicitalos. Foi o día que máis me bailaron e eu sen saber bailar. Nós ascendimos; eles? seguiron sendo grandes futbolistas, pero...

A iso me leva este Deportivo, a ollalo como un conxunto de bos xogadores que non son quen de ser equipo. A min, positivo por natureza, que non positivista. Algo que, como dicía Auguste Comte, vai contra o idealismo, pois so admite aqueles coñecementos que xorden da experiencia „ou iso creo lembrar„. Eu son positivo, e mesmo vou aceptar o positivismo por iso de que o filósofo francés falaba de experiencia. E esa experiencia permíteme dicir que este non é un equipo, como eu pensaba hai un tempiño. Se so me quedo cos números, a clasificación do Deportivo non é tan mala como poida semellar cando faltan tantos partidos por xogar; o asunto son as sensacións. Onde está ese equipo que controlaba o balón? Ese equipo que mandaba nos partidos a base de posesión aínda que con escasa profundidade? Que hai dese conxunto que tiña todo o respecto dos rivais so polas cores da camiseta? Onde está esa forza que facía que a Riazor todos chegasen a agardar e sen amosar moito o morro? Nada diso queda. Dimo a experiencia, e o positivismo supera xa o meu estado positivo ou optimista. Non vexo nada; no vexo equipo; so ollo once futbolistas con vontade detrás dun balón e dos adversarios. Vexo o que queda do que eu pensaba que era un equipo, que xa non é respectado nin en Riazor. E o respecto pérdese por algo. Ulo o mellor xogador de Segunda? Ulo o estilo? Ulo o Deportivo?