O de onte era un partido para dar un golpe enriba da mesa, pero non só por parte do Deportivo, tamén no caso do Oviedo. Sabían todos os resultados, sabían que se gañaban daban un paso cara adiante, pero ningún fixo demasiado para sumar os tres puntos. Postos a mirar, diría que foi o cadro coruñés o que fixo máis para acadar o triunfo, pero tampoco moito. E menos mal que marcou Quique, porque comezar perdendo non era bo sinal. Vou insistir no que xa dixen outras veces, numericamente a situación non é mala; o conto son as sensacións. Xa sei que hai moita igualdade nesta categoría, xa sei que todos poden facer dano „ollouse nesta xornada„, pero os mellores teñen que facer máis para sumar de tres en tres. E canto hai que non gañan os deportivistas? Case dous meses. Para min porque hai futbolistas que están chamados a marcar as diferenzas e hai moito tempo que non o fan. Despois están aqueles que xogan moi acelerados e non as pensan. Xa sei que hai que respectar ao rival e aos futbolistas contrarios, seino, pero cando un é mellor teno que demostrar; e este Deportivo hai tempo que non o amosa. Os do traballo suxo sempre están, o resto semella que con dar un pase en noventa minutos xa abonda; e non. Os que teñen que decidir partidos son os que máis teñen que estar, para iso outros corren por eles. Quedan dez xornadas, que son as definitivas, esas nos que os futbolistas queren estar e ser sobranceiros. A ver se é verdade, porque malia esas sensacións que non son boas, este Deportivo está aínda a tempo de todo. Abonda con saber gañar outra vez.