Din que iso que chaman fe produce movemento, non o sei. Supoño porque grazas aos meus pais aprendín a ler e non me abonda iso de dar por bo iso que me contan, gusto de crer no que vexo ou o que pasa pola miña neurona. E a que teño dime que non hai nada que facer. A min, positivo de natural. O de onte en Riazor foi noxento, e son suave, se falo como falaría un deportivista; non estivo mal se establezo distanza porque o repaso que lle deu o Rayo Majadahoda ao Deportivo é para enmarcar. Para eles, por suposto. Que baile! Xa o venres Natxo avisara de que é un equipo que gusta do balón e o amosou. E miña neurona preguntoume porque sabendo iso non puxo e remedio para evitalo. Quizais a súa frase despois do partido é a resposta: "Non dou coa tecla". Despois disto, pódese facer algo? So tento entender. So quero saber, non sei se hai máis que o desexen, porque o Deportivo non tirou unha vez a portería. Si, ese equipo que ten que ascender e que xogaba na casa. Sen remates non hai goles e sen goles no hai vitorias. O das vitorias, triunfos, gañar partidos, é iso que os seareiros branquiazuis non ven na súa casa desde hai case tres meses. E este equipo, e estes futbolistas, e este equipo técnico... todos eles son os responsabeis de ascender ao Deportivo? Nin creo nin teño fe, pero son positivo e esta forma de ser dame para pensar que este grupo pode chegar a xogar a promoción. Si, so iso. E sei que dixen, e o manteño, que esta é a mellor plantilla da categoría. Pero so iso non abonda. A causa? A resposta deuna onte Dani Giménez: "Tocamos fondo".