Hai cousas básicas nisto do fútbol, esas nocións das que falan a todos os meninos cando comezan a correr detrás dun balón. Iso é o que fan por divertimento e mesmo nesa etapa, na que se comeza a meter certos conceptos, fálase de intensidade, anticipación... dous ou tres termos que levan ao que é competividade. Porque o fútbol non deixa de ser un xogo nos comezos, pero cando un quere ser algo máis ten que dar moito máis. Velocidade mental e precisión son otros dous conceptos que converten a un en profesional; pero sempre sendo intenso. E iso é o que non tivo o Deportivo onte en Pamplona. Comezou ben, e rematou entregado. Desde o mesmo momento en que Osasuna marcou o segundo gol tiven a sensación de que o equipo coruñés non ía acadar nada. Esa competividade da que falo é a que permite a un futbolista disputar de igual a igual a un contrario, e neses enfrontamentos pode ganar calquera, o que non pode é gañar sempre o mesmo. Foi o que aconteceu onte. Un exemplo do que pretendo dicir é o que aconteceu aos dez segundos de partido, cando Christian Santos tenta controlar un balón coa cabeza „si, coa cabeza„ e é quen de rematar e case marcar. Control complicado e defectuoso, pero do que o deportivista saiu favorecido porque foi quen de superar aos adversarios nesa loita pola pelota. Foi a única vez que aconteceu. Foi un bo comezo; e co gol de Quique semellaba que todo ía ben; mais non. Fago de menos, alén desa competividade, un futbolista que estea sempre e queira sempre o balón. Non hai neste equipo porque os chamados a marcar diferenzas parece que se agochan.