Socio veterán, pitillo na boca coa cabeza gacha, polo paseo marítimo camiño da zona da Pescadería. "Díxencho hai duas semanas, a sorte é que non podemos descender!". Non é unha opinión aillada, é un sentemento incrustado na alma do deportivismo. "Que está a pasar? Non hai quen o entenda! Eu só xoguei nos modestos e cando as cousas non ían polo menos corría e iso que viña de traballar toda a noite no Muro". Eu, positivo e optimista, so acertei a dicir: "Tes razón!". E na cabeza anda a xogada do primeiro gol do Extremadura, chegou dun xeito que non pasa nin en alevíns. Caballo mirando, quedo, para o balón mentres o dianteiro dá dous pasos para rematar, e marcar. Impensábel nas categorías cativas. Xa sei que o de Dani tamén é un erro grave, ou máis un accidente. Non ten desculpa. Pero o primeiro... é a mostra do que é este equipo. Un grupo de xogadores de fútbol morto, que se souberon máxicos nesta categoría e vían es escoitaban como os rivais se entregaban. Semella que se encheron de éxito. O erro máis grave de todos. Porque, agora que queda? O ascenso directo a dez puntos, apromoción a catro e por detrás dous perseguidores a só un punto. Que queda? Rematar unha temporada triste. No mellor dos casos este Deportivo pode xogar a fase de ascenso; mesmo pode ascender. Un éxito? Para min en absoluto. A falla de sete partidos é un fracaso tremendo o deste ano, fracaso de futbolistas e técnicos. Fracaso do mellor plantel da categoría, ese que comezou a agoniar cando Arrasate dixo en Riazor que a pregunta non era se ía ascender, senón cando. Iso, cando?