Xa tocaba, pero non fallou o sofremento que adoita facer parte do xen deportivista. E onte o Deportivo pasouno mal por dúas razón segundo o que o vin: a falla de acerto no remate e un tipo que se di xuíz. Case non me deu tempo a sentar e me atopo cos dous goles no comezo do partido, deberían ser dabondo para ter certo acougo, pero de súpeto lembrei que en Pamplona hai quince días tamén Quique marcara cedo e? aconteceu o que aconteceu. Onte eses dous goles si que tiñan que servir para gañar, porque diante estaba un equipo máis morto que o coruñés, se iso é posíbel. Ao longo do xogo puiden comprobar que non había que ter medo, porque os branquiazuis chegaban malia que non tiñan o dominio do xogo, pero aconteceu o de outras veces, que non eran quen de marcar, que non eran quen de sentenciar. Xa comezaba certo mosqueo; xa saiu o partido da primeira volta en Riazor na conversa; xa non había tanta certeza. E chega un tipo que leva un pito e se chama xuíz para convertirse en protagonista, para ser a estrella para ser máis exacto, pois xa amosara o que pretendía no primeiro tempo. Este tipo, que é o que manda, decidiu converter unha patada por detrás de Higinio a Cartabia nun cambapé e despois, un golpe co cóbado de Somma nunha disputa "temeraria". Amosoulle o segundo amarelo e deixou ao equipo con dez. Unha patada está permitida, pero para saltar hai que atar os muñóns. Por falar de cousas concretas. E vou falar doutras cousas positivas: o traballo de Álex e o de Quique cando o equipo estaba en inferioridade. Unha cátedra de como hai que facer a prol do equipo.