Todo depende agora de Riazor, mellor dito do que sexa quen de facer o equipo no seu campo. Despois de sumar fracaso tras fracaso no campo propio, o equipo branquiazul soubo manterse nos terreos alleos, como amosa o feito de que so perdese en Pamplona perante Osasuna. Lonxe de aquí amosou uns números espectaculares que agora terá que refrendar nos tres partidos que lle quedan na casa. Hai dous encontros diante de rivais directos, Cádiz e Mallorca, para rematar co Córdoba, que daquela estará xa en Segunda B. E xa toca que Riazor olle un triunfo dos seus, porque leva sen vencer desde o 20 de xaneiro, case catro meses, que foi cando o Albacete cedeu. Estas dúas viaxes a Soria e Zaragoza puideron supór a sentenza dos deportivistas, pero saíron vivos e vitoriosos, tanto que durmiron onte en postos de promoción agardando o que poida facer o Málaga mañá perante o Cádiz, pero tamén haberá que estar atento hoxe ao Mallorca, que recibe ao Sporting. Gaditanos e bermellóns son os adversarios, son os que teñen que vir por aquí; tamén o Málaga é rival, xa sei; pero hai algo que non se pode esquecer, que os malagueños van sumar tres puntos dentro de dúas xornadas, que sería cando se enfontaba ao Reus. Son tres puntos que xa teñen si ou si, nunha xornada na que o Deportivo os terá que sumar no Anxo Carro perante o Lugo. Por iso, e insisto, todo vai pasar por Riazor, por sumar os nove puntos que estarán en xogo e evitar que dous adversarios directos sumen. A chave estará aí. Fóra o Deportivo mantivo o nível agardado; na casa hai tempo que non está. E está obrigado a volver.