Hoxe toca estar atento á televisión para ver que fan Cádiz e Málaga e con calculadora na man. É ese clásico partido no que o mellor sería que perdesen os dous para que ningún sumase. Ata onde chegamos! E todo porque o principal favorito da categoría non foi quen de cumprir o seu papel na súa casa, en Riazor, ese campo ao que todos os rivais viñan coas orellas gachas e agora semella que veñen de paseo. Esa perda do respecto dos adversarios é algo que xoga na contra dos deportivistas, que non son quen de atopar a fórmula para acadar un triunfo. E xa van case catro meses. Porque foi aquí, perante unha xente entregada, onde o equipo coruñés deixou fuxir o ascenso directo, iso foi o que aconteceu por deixar fuxir case a metade dos puntos que disputaches. Quedan tres oportunidades, tres finais que o Deportivo ten que ganar, e dúas especialmente porque enfronte estarán o Cádiz e o Mallorca, que son dous rivais directos e ademáis son dous dos equipos que superaron aos deportivistas na primeira volta, co atranco de que os gaditanos o fixeron por tres goles de diferenza, o que ven querendo decir que a golaveraxe particular quedará a prol dos andaluces. Será´o único caso, pero é un dato que non se pode esquecer. Queda facer de Riazor o que foi ao comezo do curso, se os futbolistas non son quen de conseguilo, as vacacións comezarán moito antes. Para rematar quedaría o peche do curso perante o Córdoba, que por aquela época estará xa descendido. Dá o mesmo case ese encontro se antes o Deportivo no sumou os seis puntos diante de gaditanos e baleares. Porque despois quedarán as viaxes a Lugo e a Elche, e malo será. O encontro do Anxo Carro poder ser complicado polo que se xogarán os locais, pero o que disputarán diante dos ilicitanos ten pintas de ter menos complicación. Pero antes, toca Riazor.