Mañá catro accionistas do Deportivo aspiran a ocupar a presidencia que Tino Fernández deixará baleira despois de cinco anos e medio na fronte do clube. Vinte e un accionistas que buscan unha praza no consello de administración para os vindeiros cinco anos. Mañá o deportivismo agarda coñecer o nome dos novos encargados de guiar esta nave ata Primeira, polo menos. É seguro que haberá novos conselleiros e novo presidente? Cómpre lembrar que conselleiros son elexidos individualmente agás que se pacte o voto por candidatura, moi improbábel. Deste xeito só hai que facer contas para pensar que todos poden suspender. E se acontece isto o concello actual non podería marchar, polo menos mañá. O conto é claro, ou creo. Hai vinte (20) aspirantes que só poden tentar ser conselleiros se reciben máis votos favorabeis que negativos, se todos aproban entran os que mais votos reciban „hai que fixar o número de conselleiros, entre un mínimo de 3 e un máximo de 8„, e se todos reciben máis negativos e suspenden? Pode pasar. Eu penso en 20 aspirantes a conselleiros, pero podería haber máis accionistas que decidisen non facer campaña e presentar unha morea de títulos na xunta, porque isto vai de accións. Cada acción un voto. E non hai máis, o resto son perrenchas. Vou co conto. Catro candidaturas e cada unha con determinado número de accións (propias e delegadas). Cada aspirante votará SI a cada un dos membros do seu grupo, así o que máis títulos teña terá máis votos positivos. De perogrullo, non si? Pero unha estratexia lóxica di que cada equipo votará NON a cada un dos seus adversarios e esa suma de votos negativos pode ser superior aos positivos no caso dos vinte aspirantes. E isto sen contar o que poidan decidir os accionistas presentes cos títulos propios e os que teñan delegados. E se todos perden o actual consello de administración tería que continuar. Convocaría outra xunta extraordinaria e o proceso se prolongaría no tempo, nun tempo precioso e preciso para configurar o equipo da vindeira temporada. Pode suceder? Por suposto. Haberá que ver de que xeito inflúen as aportacións externas, porque hai moitas accións que estarán presentes pero que non están delegadas a ningún dos aspirantes, sobre todo desas empresas ou persoas que contan cun paquete numeroso de títulos. Mesmo hai quen ten pensado decidir na mesma xunta despois de escoitar o que diga Tino Fernández, que se supón explicará aos socios as razóns da súa dimisión. Da súa posíbel marcha. Mañá será o derradeiro día de Fernández Pico e os seus compañeiros no Deportivo, ou iso é o que se agarda „hoxe é a primeira convocatoria da Xunta ás 19.00 horas no Auditorio Gaviota de Palexco„ porque será mañá, en segunda convocatoria, tamén ás 19.00 horas, cando se proceda á despedida deste consello e o nomeamento dos novos conselleiros e tamén presidente. É o que se agarda, pero poden pasar máis cousas.