Pouco fai falta para que o deportivismo recupere osíxeno, moi pouquiño para que sinta a vida. Onte estaba a piques de chorar mentres o seu equipo se afundía no fondo das súas propias miserias, e rematou berrando, crendo, e aferrado a unha posibilidade afastada pero real de participar na promoción que reserva como premio unha praza na Primeira División. Nada está perdido, cando menos ata o vindeiro domingo, e hai moito que gañar. Só hai que superar dous partidos, os dous que faltan por disputarse e agardar que algún dos adversarios tropece. Agora hai dous que senten a respiración branquiazul na caluga; crían que tiñan todo feito, pero poden quedar sen nada, un polo menos. Pero seguen a depender deles mesmos, e non como o Deportivo que só pode agardar o erro dos demais. Alén do triunfo de onte, merecido nun partido que tamén puido perder, só me queda aquela cousa de preguntar porque a intensidade de onte no xurdiu en outros partidos, xa que para min esta vitoria chegou polas gañas, por esa intensidade da que falo, non por bo fútbol, xa que outra vez o futbolistas „os que xogan„ volveron estar ausentes na creación, ainda que nada se lles pode reprochar no esforzo. É doado salientar a Carlos Fernández polo seu gol, pero non foi dos partidos nos que me gustase; máis doado é, e merecido, salientar o traballo de Dani Giménez que mantivo ao equipo cando máis o precisaba; como tamén o é facer o propio con Eneko Bóveda, que deixou todo o que tiña e máis nun encontro no que non se podía reservar nada. Mesmo el tivo as mellores ocasións de gol. Rematou, sen acerto, e defendeu con moito éxito. Con esta actitude cabe todo. Pero... porque tan tarde?