Que os futbolistas do Deportivo teñen gañas de liala non é unha verdade absoluta, pero que se achega moito non creo que ninguén o discuta. Aínda sen gañar o equipo coruñés ten na súa man xogar a fase de ascenso, só depende do que faga perante o Córdoba (sábado ou domingo). E non gañou porque os deportivistas teñen unha lea co gol. O de onte puido ser un marcador de escándalo e ter un sitio entre os seis primeiros case fixo, pero non. Houbo que estar pendente de que o Elche non chegase e de que o Cádiz non empatase. Moito abafo! E perder como perdeu o equipo cadista? Bastante peor que o que lle aconteceu ao Deportivo. Hai dúas xornadas adoecía porque isto rematase e agora... a agardar con ilusión polo derradeiro partido da fase regular. Vén o Córdoba, xa na Segunda B, pero iso non quere dicir nada. Por aquí sabemos moito de rivais que veñen cumprir o expediente e rematamos chorando. Xa levamos chorando hai meses, porque este equipo estaba feito para subir directamente, pero empeñouse en facer agasallos a todos aqueles que viñan a Riazor. Só dúas vitorias nesta segunda volta, na que cinco equipos empataron e tres gañaron; e todos conxuntos da parte baixa da táboa agás o Cádiz, que foi quen de sacar un punto tamén na súa visita ao campo coruñés. Son en total dezanove puntos os que fuxiron de Riazor! Como se pode pensar en xogar unha promoción deste xeito? Moito menos subir directamente. Menos mal que lonxe de aquí os branquiazuis foron cubrindo expediente. E iso o saben os adversarios se confirma un lugar na promoción.