Chegado este tempo non hai ano que non me veña á cabeza aquel 23 de xuño de 1995 en Madrid. Era sábado, a primeira e única vez que pasei a noite de San Xoán afastado da Coruña e dos meus, sobre todo os meus fillos, daquela con seis e catro anos, este era o que menos entendía que o seu pai non estivese nas lumeiradas, iso que xa pasara por Riazor unha chea de partidos. Alén do sentimento familiar, lembro todo o que aconteceu aquela noite na capital do estado. Sair cara o Santiago Bernabéu sobre as sete do serán cuns 37 graos de temperatura foi algo insoportábel, e no que desembocou tres horas despois! Creo que nunca tal vira, e iso que sempre se dixo que aquí chovía moito, pero o de aquel día... No Bernabéu a auga chegábame aos xoenllos, cando crucei a Castellana para volver ao hotel case, e despois, sobre a media noite, aínda caeu outro chaparrón semellante ao que obrigou a suspender o partido. Foi unha noite meiga no senso estrito. Como un aviso para todos eses milleiros de coruñeses que estabamos lonxe da casa nunha noite na que semella que non podemos afastarnos da nos aterra. E este domingo? Outra vez, a segunda que eu lembro que por mor dun partido do Deportivo os seareiros teñen que pasar a noite lonxe. E volverá a ser meiga? Digo isto porque onte alguén me comentou isto mesmo. "E se non remata o partido do domingo?". Xa se sabe como somos os galegos. Podería acontecer. Como aquel sábado de 1995 cando estaba a caer o que nunca vira e o aproveitaba Mijatovic para lanzarse á pileta cada vez que corría detrás do balón. Ata que García Aranda picou e lle deu a falta que supuxo o gol do empate. Desde aí, o encontro xa tiña pinta de non rematar. Era imposíbel. Pois esta noite de San Xoán vai traer algunha outra cousa distinta. Din que choverá „non será raro„, que haberá mar de fondo „tampouco„ e seguro que algo máis hai.