Moito que dicir, ou mellor non dicir nada despois do vergoñento espectáculo de onte en Son Moix. Un equipo pode perder porque é inferior ao adversario ou porque o rival é mellor, pero nunca se pode perder por entregar un partido. Iso foi o que fixo onte o Deportivo, desde os técnicos ata os futbolistas. Estes son os protagonistas directos, son os que teñen que amosar as súas dotes perante o rival segundo as pautas marcadas polo adestrador, e hai días nos que saen poucas cousas ou ningunha, pero hai algo que ten que ser innegociábel, que é competir. E o Deportivo non o fixo. En ningún aspecto. Quero entender que Martí saiu con Vicente e Edu para ter o balón e controlar o tempo do xogo; en quince minutos puidose ollar que Baba abondou para comer a estes dous deportivistas e todo o medio do campo deixando a Salva Sevilla para tocar ao seu antollo. Queres controlar o balón e non o tes? Digo eu que haberá que dar algunha solución para recuperalo, despois é cousa dos futbolistas non entregalo coa facilidade coa que o fixeron onte. A perda da pelota de Edu no terceiro gol é unha coña! O criterio que manexou onte o 21 dista moito de ser o que se agarda del; tamén digo o mesmo de Vicente, que non soubo empregar a súa calidade ao servizo do equipo desde pouco antes de Nadal. E queixámonos dos dianteiros... Se ser atacante aquí é un castigo, porque só fan correr detrás do balón e dos rivais. Non creo que sexa tan difícil facer outras cousas. E onte, sobre todo había que marcar e nada se fixo para marcar. É o pior, que non hai ningún tipo de excusa. Triste adeus.