Iso do sofremento impreso no ADN branquiazul non vai desaparecer da noita á mañá. E algún creo que onte se decatou de que non é cousa de meigas, é algo moito máis interno. Íntimo? Ninguén pensaba que o Oviedo sería quen de empatar cando o partido chegou ao intermedio. E menos despois do golazo de Aketxe. Os visitantes semellaban entregados, pero aconteceu o de tantas ocasións, iso do ADN, e chegaron os agasallos que se converteron en dous goles. Nada novo. O primeiro lembrou tempos non moi afastados „do curso pasado„ cando un olla que a defensa nun libre directo se coloca perante de Dani Jiménez, xusto sobre a liña do área pequena pensa que non ten boa pinta. Saúl soubo facer o que debía, pegar con calidade e forza e... chegou o resto; un dianteiro que toca algo e un defensa que toca máis para que o gardarredes deportivista non poda facer nada. Normal, por outra banda. E no segundo, con todo o equipo colocado Saúl, outra vez Saúl, cambia á banda dereita onde atopa a dous compañeiros sos e sen marca; Sangalli centra e no área grande Boeng, tamén só, fai o máis doado. Un partido gañado marchaba en menos de dez minutos! Outra vez. Abondou un encontro oficial para que o Deportivo encaixase tantos goles como en todos os partidos de preparación do verán. Mala cousa. Se custa marcar, o normal será defender e manter a portería a cero. Xa sei que é outra temporada e que hai xente nova, pero quedan moitos de hai un ano, moitos para lembrar que as cousas importantes se perderon na casa, en Riazor, en diante de rivais máis cativos. E hai ben pouco diso.