Extraña sensación a de onte ao remate do partido, non sei definila. Non era cabreo; non era indignación; tampouco conformismo, nin tristura. Fitei para a caras das persoas coas que me crucei e penso que todos tiñamos a mesma expresión. É algo malo? Non sei. "Mellor non dicimos nada, non si?", espetoume un coñecido. Non sei. Sempre dixen, porque así o penso, que todo adestrador precisa un tempo para que o seu traballo dea resultado, e cando digo resultado refírome a que os futbolistas plasmen o que el propón non ás vitorias. Por suposto que gañar é fundamental, pero ás veces os triunfos agochan moitas debilidades ou taras. Neste senso creo que Anquela precisa o mesmo tempo que os outros técnicos, máis nun curso no que hai menos dunha semana se topou con cinco futbolistas novos, nada novo nos últimos dez anos. Outra cousa é que se busquen coartadas para xustificar un marcador. O de onte para min foi un partido no que merecían perder os dous, pero o que máis fixo para gañar foi o Deportivo „ el futbol es así„; con todo, o equipo da casa é sempre o que máis ten que propor, máis ten que chegar, e o Deportivo so o fixo cando ía perdendo. Xa, foi un penalti... raro, pero houbo man. E se o xuíz pita o de Montero aos 30 segundos de xogo? O resultado condiciona a análise, sempre pasou e onte lembrouno Ramis, adestrador do Albacete, despois do partido. É case unha verdade absoluta, se é que existe algunha. Xa sei que ter tres puntos de doce posibéis non anima nada, pero si creo que hai que dar un pouco de tempo. O bo caldo precisa iso, tempo.