Alguén terá que buscar unha solución urxente antes de que sexa máis tarde porque aínda hai tempo dabondo, creo eu. Concordo en case todo o que dixo Paco Zas na súa intervención desta semana en Riazor, pero... este equipo está morto. Non serei eu quen diga que Anquela é o responsabel, pero non ollo que sexa quen de lle dar o que precisan os xogadores, e non falo de fútbol, que diso sabe moito máis ca min. Se o asunto é anímico, haberá que atopar o remedio por aí. Cal? Non sei. Se o soubese mesmo me ofrecería voluntario. Tampouco escoito solucións a algúns que presumen de saber disto. Seica o propio Anquela sabe como arranxar isto, foi o que dixo onte despois do partido. Certo que desde que chegou non tivo o tempo axeitado, pero tamén o é que as sensación non melloran a cada partido que pasa. Se a isto se lle engade os erros infantís que se producen en cada encontro o resultado é o que reflicte a clasificación e a imaxe que amosa en cada xornada. Hai medo nos futbolistas, queima o balón, algo normal nunha situación como a actual e non semella que haxa alguén que pegue un berro no campo e solicite ser el o que se encargue de pór un pouco de tranquilidade. Cando o balón non entra e os adversarios lles sae todo, despertar é moito máis complicado. Con alguén que mande no céspede co balón sería máis doado, pero no hai ninguén. Neste equipo non. Bótase en falta. Agora non só é restar: "Non lle poñades tachas á obra mentres non se remata. O que pense que vai mal que traballe nela; hai sitio para todos", que dicía un tal Castelao.