O que sentín onte está entre mágoa e noxo. Abondou con pouco tempo para decatarme de que estes futbolistas, os do Deportivo, precisan moito máis que un adestrador lles diga o que quere deles. Unha cousa é amosar con claridade que este non é un equipo e outra que os que xogan anden polo campo como se os ceibasen aí por primeira vez. Hai cousas que calquera que xogase un pouco ao fútbol sabe o que ten que facer, alén do que diga o adestrador. Estes futbolistas teñen experiencia dabondo para saber ocupar un espazo no campo, para estar moi pegados, para saber que teñen que facer co balón nos pés e, por riba de todo, competir. Un rival pode ser mellor ca min, pero non sempre me vai levar un balón dividido nen sempre vai rematar. Imposible! E onte os canarios fixeron todo o que lles praceu. Todo! Xa non é unha cousa de coñecemento nin de... non sei. Isto non o amaña nengún adestrador en dous días. E non é cuestión de vontade, é moito pior. Se son dos que dicía que Anquela „alén do que guste do que prantexa ou non„ tiña que ter máis tempo, que vou dicir agora dun recén chegado coma Luis César, que se cadra o único que puido dicirlle aos futbolista é iso de: "Sodes moito mellores do que facedes e credes!". Pouco máis, porque o resto é só cousa dos que saen a xogar. Refírome a correr, a situarse ben, a meter o zoco, unha perna, o corpo enteiro, a calquera cousa que inquede a un adversario que se sente superior. Esas cousas que futbolistas de Segunda División, e xa dá o mesmo a idade, teñen que facer para amosar algo e cando menos molestar. Onte, nin iso.