Eu como seareiro, que o son despois de xornalista, sairía de Riazor con certa frialdade por iso de que ollei un equipo, pero... O pero é que este Deportivo precisa gañar xa. O mellor do partido é que non houbo concesións ao adversario e que Dani Giménez case podería estar nas bancadas e ser un espectador máis; o peor é que Miralles, porteiro do Alcorcón, podería facer o mesmo. Se Dani non tivo traballo é polo que fixeron os seus compañeiros, e o mesmo pode dicir Miralles. Velaí o atranco de onte. Falla de claridade, malia ter o control do balón e do xogo. Haberá quen pense que ao xogar en Riazor e nesta situación tería que haber máis, sobre todo en ataque, pero habería que preguntarse porque non o houbo. Eu diría por medo. Ese medo que cando un fai a estrea causa que todo o que sabe quede atrás; ese medo que cando un ten moito non o pode amosar porque se pasa de revolucións. Desde a distancia, diría que é ese medo que a Vicente, para min un dos futbolistas de máis calidade da categoría, e con nivel para estar nun grande, non lle deixa facer o que sabe, o que ten nos pés porque a cabeza pode con el. Onte ollei a ese Vicente grande, controlador, algo que é o que precisa este Deportivo. E vou pór outro nome, será porque me gusta, que é o de Mollejo. Un rapaz, si; desde a miña idade podo consideralo así sen faltarlle ao respecto, un rapaz que ten moito fútbol, moito gol, pero... que semella superado polas gañas que ten. Por iso hai días falaba de cerebro; e despois do de onte insisto, xurdiron os xogadores que teñen fútbol, ogallá manexen a súa cabeza.