Está moi ben iso de manter a portería a cero, é o primeiro paso para non perder e debe ser bo para que os futbolistas volvan ter confianza no seu traballo. Xa van catro partidos sen encaixar, van dous encontros seguidos. Bo sinal. Porén... É preciso marcar xa. Punto a punto non se chega a ningún lado. E non será porque onte non tiveron oportunidades os deportivistas. Creo lembrar que por segunda vez neste curso o porteiro adversario traballou máis que Dani Jiménez, polo menos na primeira metade. As ocasións son desas que hai que meter, e xa non digo que haxa que acertar en todas, pero si en algunha. Será que o seguinte paso tocará aos atacantes. Primeiro é non encaixar; despois ser quen de marcar. E xa é urxente, porque de punto en puntos, as contas non cadran. Agora mesmo son doce e máis 24 serían 36, moi lonxe dos 50 precisos para evitar un lío moi gordo. Hai cousas que semellan estar mellor, pero outras que precisan mudar de xeito urxente. Xa non é tanto como o fagan, do que se trata é de acadar triunfos, sumar de tres en tres. A través de que estilo? Iso penso que xa dá o mesmo. Xogar bonito, tendo o mando do balón sona moi ben, pero? Hai que chegar e hai que marcar. Non pode un equipo desbotar tantas oportunidades como fixo onte o Deportivo. Sei que non é doado, especialemente nunha situación na que os xogadores están superados, mais segundo foron quen de manter certo control no eido defensivo, agora teñen que facer o mesmo no ofensivo. Hai que marcar, e aquí non o fai ninguén; nin dianteiro nin defensa; nin en xogada nin en estratexia. Isto non é bo.