Eu, que non son persoa de fe, onte caín no día da Asunción, ese día no que vin racionalmente que o Deportivo está afundido. Hai corenta anos xa pasei por isto, e mesmo antes. Este equipo está desfeito sobre todo mentalmente, por iso creo que precisa máis un psicólogo que un adestrador, que tamén, para saír desta dinámica. Non é imposíbel segundo os números e mesmo acepto a actitude, pero sen cerebro fresco non vai a ningures. Non é difícil chegar a esa conclusión, calquera o pode ollar. Pero eu, que sei pouquiño disto, sempre ando á procura dos que saben para ter máis información e tento saber se hai posibilidades, xa non porque o digan os números, falo de posibilidades futbolísticas, e non as atopo. As respostas son matadoras. Respostas de exfutbolistas profesionais, dos que saben o que se coce no campo e no vestiario. Mala pinta. Xa non é o que eu pense, é o que me transmiten os que saben máis ca min. Só aportan un remedio, non axeonllarse. Hai futbolistas para moito máis, pero precisan xogar máis coa cabeza que cos pés. É o único xeito de non morrer. O xeito de facelo é a solución, pero... quen a ten? Escoito moito na rúa palabras de xente que, coma min, sabemos de fútbol sen ter os coñecementos precisos para amañar isto; escoito moitas cousas, pero ningún sabe que hai que facer, coma min, será que non sabemos tanto como falamos dun asunto que non é tan sinxelo e no que agora hai que xunguir o técnico co mental. O adestrador e alguén máis alén dos futbolistas. Penso. Ogallá tivese a solución, non cobraría por dala.