Rematou o partido e Luis César marchou cara as entrañas do estadio. Non sei que pasaría pola súa cabeza nese momento; tampouco o que pensou catro minutos antes con penalti parvo de Montero, pero sei o que faría eu: dicir que marcho. Non vou ser eu o que diga que o fixo ben ou o fixo mal, hai persoas con máis capacidade para avaliar o seu traballo, pero despois destes días nos que se dixo que non ía seguir eu marcho antes de que me digan o que xa sei. Non só non dixo iso, senón que preferiu non falar do asunto cando foi consultado. "Son un empregado do clube", dixo. Con bo criterio segundo a niña opinión. A mesma que me levaría a marchar despois deste triunfo balsámico, ou o que sexa. E con isto non digo que Luis César teña que seguir á fronte do Deportivo e que Fernando Vázquez non mereza voltar. Nin debo, nin podo. Só digo polo que aconteceu durante a semana que remata hoxe. Polos marcadores que acadou o arousán, quizais xa non tería que estar no banquiño do Deportivo; polo tempo que leva, quizais precisaría de máis partidos. Isto non é un parvulario; isto non é un equipo común „que xa precisa tempo dabondo para comezar a andar„; este é un equipo morto, agora medio vivo, que precisa moitas cousas, aunque moi poucas teñan que ver co fútbol. Luis César marchará, polo menos como primeiro adestrador, e chegará Vázquez. Grande nova! Mágoa que as dúas veces que o chamaron foron para acadar cumes casi imposibeis; primeiro para evitar un descenso e agora que tentan solventar algo máis que a perda da categoría.