Obrigado. Sei que é o voso traballo e tamén sei, ou creo saber, que estades xogando máis co corazón que coa cabeza por mor de todo o negativo que aconteceu desde que en agosto comezase esta carreira. Por iso moitas veces non saían as cousas. Pero de súpeto aconteceu o que precisábades, gañar un partido como o do Tenerife. Si, ese encontro con vantaxe e que se estragaba outra volta por unha parvada cando o tempo chegaba á fin; pero... chegou a cabezada de Peru e gol, o 2-1, xa o xuíz ía pitar o remate. Un moi bo agasallo para o deportivismo nese 20 de decembro. E onte, outro. A min danme igual estes días, mesmo estórbanme, pero hai xente que non. Ou si, porque fan de menos a moitos dos seus, e son eses aos que coa vitoria de onte, engadida a do Tenerife, puideron pasar unhas festas quedas. Por iso, obrigado. De onte? Para min salienta que houbo equipo, que o un foron todos, e que cun sistema superdefensivo „tres centrais, dous laterais e dous centrocampistas de contención„ o Deportivo rematou máis veces que na suma do resto dos encontros deste curso. Unha proba de que a aposta numérica „referida á ubicación dos futbolistas„ non serve absolutamente para nada nisto do balompé. O que conta é o movemento. Do de onte, saliento, por suposto, e penso que a ninguén lle pasou inadvertido, o que fixo Somma cando marcou o gol. Correu como un tolo coa ollada fixa no banquiño e nos seus labios semellaba ler "todos!", o que eu interpreto que ese gol era de todos e todos o tiñan que festexar. Mágoa de non ter gañado con tranquilidade. Malia iso, obrigado.