Hai cousas neste eido do fútbol que son inescrutábeis por iso xa non tento acadar unha explicación lóxica ao que aconteceu onte. O Deportivo gañou un partido que hai un mes perdería e por diferenza. Fixo dabondo para quedarse con tres puntos, pero máis de media hora en inferioridade é moito tempo para un equipo que se vai reforzando animicamente con triunfos deste estilo, ou como o que acadou perante o Tenerife na derradeira xornada de 2019. Iso era o que precisaba este grupo. E manterse cunha parada clave de Dani, malia a parvada que causou o córner no derradeiro segundo, so era falarlle a Somma e saír para que o balón rematase nas súas mans. Proba de que aínda hai incerteza? Hai que entendelo porque desde agosto aconteceron cousas pouco habituais para un plantel feito para estar arriba, detalles que ían esgotando a pingas a confianza de cada profesional, de cada deportivista. Agora chegou a onda boa para ledicia de todos e hai que aproveitala. Con calquera cousa chega o gol e xa non se encaixa de calquera xeito. Cousas do fútbol. Cousas das que hai que tirar proveito porque non todo vai ser gañar; haberá outros días complicados, pero agora mesmo o Deportivo acadou o máis complexo, seguir na loita, depender de si mesmo como todos os demais adversarios da parte baixa da clasificación. Segundo as contas de Fernando Vázquez faltan dez vitorias que terían que chegar nos dezanove partidos que quedan, o que vén sendo gañar todos os partidos que ten que xogar en Riazor. Con iso abondaría. E se puntúas fóra? mellor non soñar.